“Recordo que naquela época dérame en suceder algo… Ou se cadra, non, non tan curioso, normal, o máis normal do mundo. Quero dicir: empezárame a suceder que cantos máis libros lía e canto máis cavilaba, máis monótonas, insufribles, se me ían facendo as clases: as materias que nos obrigaban a estudar.

Entendes?
Sei que es profesora e non quixera… non quero desanimarte. Nada diso. Nin moito menos. Pero aínda hoxe, cando me poño a matinar nestes asuntos, teño para min que o aparello… que todo o aparello ese, xa sabes, a maquinaria esa do Ensino, está toda programada para que os cativos non… para impedir que os cativos verdadeiramente se interesen por ningunha das materias que lles mandan… que eses teñen forzosamente que… tragar. Si. Para as devolver despois mal dixeridas, para… Ou sexa: para no momento dos exames: vomitalas.” [Fragmento de Non sei cando nos veremos, novela de Anxo A. Rei Ballesteros, publicada pola editoria Galaxia no 2005, pax. 21]